Dúas empresas de Ribadumia estafadas co método da "fraude ao CEO"
Por Redacción
A Garda Civil detectou na comarca do Salnés dous novos casos de estafas a empresas, despois de acceder os ciberdelincuentes ás súas contas de correo electrónico de maneira ilícita.
O método utilizado para levar a cabo este tipo de estafas denomínase "fraude ao CEO", unha práctica que consiste en "hackear" a conta de correo electrónico dalgún responsable da compañía para acceder aos seus datos confidenciais, monitorar e analizar as súas xestións económicas e suplantar a súa identidade co obxectivo de xerar un traspaso de diñeiro ou modificar contas bancarias en caso de detectar algunha operación en curso.
O pasado mes de setembro denunciáronse dous casos en Gondomar e Nigrán. No primeiro dos casos os directivos da empresa decatáronse do engano e púidose frustrar a estafa cuxo importe, de levar a efecto, superaría os 100.000 euros. Non ocorreu o mesmo na empresa de Nigrán, onde se chegou a consumar a estafa por valor de 20.000 euros.
Apenas uns meses despois tense noticia de dous novos casos noutras dúas empresas do municipio de Ribadumia, que foron denunciados no posto da Garda Civil de Cambados.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, nunha destas empresas o engano produciuse cando recibiron un correo electrónico dun provedor no estranxeiro informándolles de que cambiaran de entidade bancaria, para que os próximos ingresos efectuáranos a outra determinada conta. Desta forma estafáronlles algo máis de 33.000 euros.
A segunda empresa resultou estafada ao realizar unha compra de materia prima nun país suramericano e a persoa que facía de intermediaria facilitoulle unha conta bancaria que, neste caso, tampouco era a do provedor. O timo consumouse cando ingresaron nesta conta os dous anticipos que lle solicitaban para enviarlles a mercadoría, cuxo montante superaba os 34.000 euros.