Quince detidos de Galicia e Colombia no golpe ao narcotráfico que se asestou desde Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A última operación antidroga desenvolta pola Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional leva ata o momento quince detidos e a incautación de 650 quilos de cocaína e deixa como balance un duro golpe ao tráfico de drogas en Galicia e un operativo sen precedentes na cidade de Pontevedra.
Dos 15 detidos, sete caeron na cidade de Pontevedra e pasaron a noite na Comisaría da Policía Nacional, pero xa se atopan rumbo a Madrid, onde está previsto que este sábado sexan postos a disposición da Audiencia Nacional, que coordina a operación.
Un furgón da Policía Nacional custodiado por cinco vehículos camuflados deixou a Comisaría Provincial ás 12.25 horas deste venres. Previamente, un amplo despregamento de axentes da Policía Nacional introducira nos vehículos camuflados unha serie de caixas que portaban material intervido no marco desta operación e probas que serán postas a disposición da Audiencia Nacional.
Os vehículos camuflados saíron da Comisaría con sirenas e as matrículas tapadas e nun deles viaxaba un dos detidos. O resto ían dentro do furgón no medio dunha comitiva que chegará a Madrid a última hora deste venres.
O operativo, do que está previsto que este sábado se acheguen detalles oficiais, tentouse realizar con total sixilo por parte dos investigadores, pero na cidade de Pontevedra chamou a atención de veciños e medios de comunicación porque supuxo cortar ao tráfico a avenida de Bos Aires durante dúas horas da mañá deste xoves e un amplo despregamento de medios policiais en terra e polo aire.
Na cidade do Lérez o eixo do operativo foi un chalé da avenida de Bos Aires, no que foron detidas varias persoas e foi intervido un alixo de máis de 600 quilos de cocaína. Esa vivenda unifamiliar de madeira estaba alugada e supoñía o centro de operacións no que unha rede dedicada ao tráfico de drogas entre Colombia e Galicia almacenaba a substancia estupefaciente antes da súa distribución polo resto de España.
Segundo as escasas informacións oficiais difundidas, sete dos 15 detidos caeron en Pontevedra e o resto entre a localidade de Ribadumia, no Salnés, e Madrid. Os arrestados son de nacionalidade española e colombiana e, de momento, entre eles non hai ningún narcotraficante coñecido.
A operación continúa aberta e non se descartan máis detencións, aínda que o groso do operativo xa se desenvolveu durante a xornada deste xoves en Pontevedra e Madrid.