O Goberno, preocupado polos 19 mortos en estradas interurbanas de Pontevedra
Por Redacción
No que vai ano, un total de dezanove persoas perderon a vida nas estradas interurbanas da provincia de Pontevedra. Seis deles foron na N-550. De aí que a Garda Civil situara nesta vía o control de tráfico co que puxeron en marcha unha campaña de vixilancia e sensibilización.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que estivo acompañada pola xefa provincial da DGT, Paula Yubero, e o capitán do subsector da Garda Civil de Pontevedra, Leovigildo Villares, pediu unha maior concienciación aos condutores da provincia.
Aínda que os datos de accidentes en vías interurbanas representan en Pontevedra un vinte por cento menos nestes dez meses de 2018, a subdelegada mostrou o seu desexo de que os dous meses que faltan de ano non fagan subir estes datos.
Das mortes en estradas da provincia, doce producíronse entre os luns e os venres. É dicir, o sesenta e tres por cento dos falecidos en vías interurbanas prodúcense en días laborables, entre as 8 da mañá e as oito da tarde.
Outro dos datos facilitados por Larriba é o referente á idade dos falecidos, destacando que a franxa de entre 35 e 44 anos concentra o 21 por cento dos falecidos, mentres que os maiores de 65 anos tamén rexistran unha cifra moi elevada por encima do 41 por cento.
Pola súa banda, a nova xefa provincial da DGT destacou que tras a ponte de Todos os Santos o número de accidentes con vítimas na provincia se elevou ata as 1.055 pero aínda lonxe das cifras do ano pasado que foron de 1.243 accidentes.
A campaña de vixilancia de estradas convencionais desenvólvese ao longo de toda esta semana no territorio nacional con especial control na velocidade , pero tamén no consumo de alcohol e drogas ou no uso do casco, dos sistemas de retención infantil e do teléfono móbil.