O Grove ensina a súa nova proposta de PXOM
Por Redacción
O Concello do Grove puxo a disposición dos veciños da localidade a súa nova proposta de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento que é froito de meses de traballo e reunións.
Segundo o goberno local, trátase dun "documento realista que tenta reflectir o que é O Grove, evitando por encima de todo os excesos e abusos que poñían en risco a realidade da localidade e os intereses individuais dos veciños e veciñas".
É así, defenden, debido á atención das alegacións presentadas ao proxecto de 2014 e á recollida de información nas diferentes reunións convocadas.
Existen cambios significativos en relación coa anterior proposta de PXOM, como os datos de previsión de vivendas novas. Neste punto en 2014 estimábase que no Grove construiríanse 5.788 vivendas nos próximos de 20 anos, estimación que agora se rebaixa a 1.844 vivendas para o mesmo período.
Ademais prodúcese, explica o Concello, unha redución drástica dos plans específicos denominados Ámbitos de Solo Urbano Non Consolidado (SUNCs) ou Solo Urbanizable (SUED) no caso da zona urbana ou os Solo de Núcleo Rural (PEONRs) no caso da zona rural, pasando de 38 a 11 SUNCs; de 17 a 6 SUEDs e de 7 a 2 PEONRs. Tan só mantéñense estas figuras no caso de que así fora solicitado pola maioría das persoas que se verían afectadas por elas, ou naqueles casos nos que legalmente non resultaba posible eliminalos.
En canto á capacidade residencial máxima do PXOM, redúcese dos 2.161.502 metros cadrados a 1.967.922 metros cadrados, cumprindo unha das recomendacións marcadas pola Xunta de Galicia sobre o plan aprobado en 2014, cando falaba dun "exceso de edificabilidade".