Ciudadanos presenta unha moción para facilitar o dereito ao voto dos europeos residentes no municipio
Por Redacción
O grupo municipal de Ciudadanos presentou unha moción coa intención de que se senten as bases para facilitar o dereito ao voto dos cidadáns europeos residentes no municipio.
En Pontevedra, o número de residentes estranxeiros é de 3.682, dos que 2.446 son europeos e máis dun milleiro pertencen a países da Unión Europea. O maior número destes cidadáns son portugueses, seguidos por romaneses, italianos e ingleses. Coa proposta, Ciudadanos Pontevedra quere simplificar o acceso á información do sistema de voto para que todos estes residentes melloren a súa identificación coa Unión Europea.
Na moción, María Rey, concelleira de Ciudadanos, pide que se impulse unha campaña informativa específica antes do 21 de decembro cunha dotación orzamentaria extraordinaria co financiamento deste proxecto de promoción que se realizaría a través de correo, web, cartelería e medios de comunicación. Con esta medida búscase que estes residentes participen nas eleccións da Unión Europea e nas municipais.
Ademais, segundo Cidadáns, búscase crear un vínculo na sede electrónica do Concello pontevedrés para integrar a información e a área de empadroamento de forma útil e clara, en varios idiomas. Sinalan que así se cumpriría coas directrices da Oficina Central do Censo Electoral.