Deteñen unha pontevedresa á que acusan de roubar 70.000 euros en xoias a dúas irmás
Por Redacción
70.000 euros. ÿ a cantidade na que están valoradas as xoias que, presuntamente, roubou unha muller de 50 anos, veciña de Pontevedra, que foi detida por axentes da Policía Nacional na tarde do luns. Considéraselle a autora dun delito de furto de xoias que protagonizou nun domicilio de Pontevedra.
Os feitos remóntanse ao pasado 16 de maio, cando dúas irmás, veciñas de Pontevedra, interpuxeron unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional na que daban conta da sustracción no seu domicilio de múltiples xoias, valoradas en máis de 70.000 euros, dada a antigüidade da maioría delas.
As propias denunciantes manifestaban que as portas de acceso ao seu domicilio non presentaban síntomas de ser forzadas, polo que sospeitaban que a sustracción debía de ser cometida por alguén que tivese acceso á súa casa. Por iso, os investigadores acabaron por determinar que a presunta autora do roubo fora alguén próximo á denunciante.
Continuando coas indagacións, os axentes puideron comprobar que a agora detida vendera as xoias nun establecemento de compravenda da cidade de Pontevedra, constándolle varias vendas, motivo polo que continuaron coa investigación ao obxecto de intentar determinar a procedencia desas xoias.
Deste xeito, os axentes certificaron que a detida substraera do domicilio da denunciante diversas cadeas, aneis, pulseras, colares ou medallas. As propietarias das xoias, que foron citadas en dependencias policiais este luns, identificaron mediante fotografías as xoias recuperadas.