Louzán anuncia que o Consorcio Provincial de Bombeiros estuda abrirse a máis concellos
Por Redacción
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou este martes a boa marcha do Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra que, unha vez comece a funcionar co novo modelo de xestión adxudicado á empresa Matinsa, permitirá que o 70% da poboación da provincia que non conta con parque de bombeiros municipal, teña cobertura a través do Servizo de Intervención en Emerxencias e do parque comarcal do Deza.
Rafael Louzán fixo estas declaracións despois da xuntanza ordinaria do pleno do Consorcio, na que incidiu no balance positivo que se desprende das contas deste servizo. Salientou que este "óptimo" estado das contas permite que se estea a traballar na busca de fórmulas que, nun futuro, permitan ampliar o servizo a algúns concellos da comarca de Pontevedra e do sur da provincia que nestes momentos están fóra do ámbito de cobertura preferente.
Louzán explicou que a xestión por parte da empresa Matinsa, que comeza a partir do 1 de xuño, suporá o incremento no número de localidades ás que dará cobertura contra incendios o Consorcio Provincial e, ademais, implicará un aumento de efectivos, ata chegar a unha plantilla de unhas 100 persoas. Así mesmo, a nova xestión implica melloras en recursos materiais, técnicos e de carácter social, formativo e de seguros para os traballadores.
No pleno celebrado este martes, acordouse aceptar a solicitude dos concellos de Catoira, Ponte Caldelas, Vilaboa, Valga, Caldas de Reis e Soutomaior, para beneficiarse deste servizo, ao que tamén se acollerán os concellos de Marín, Barro e Portas.
O contrato para a xestión do Servizo de Intervención en Emerxencias suporá unha achega en 8 anos de 21 millóns de euros, que serán financiados ao 50% entre Xunta e Deputación, e co que se pretende dar aos cidadáns un servizo que o presidente da Administración Provincial cualificou de "moi relevante e necesario".
Neste sentido, valorou a xestión feita ata o de agora e amosouse confiado en que a nova empresa xestora traballará tamén con "eficiencia e eficacia".
Relacionadas:
-
O Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra dependerá da Deputación
Por Redacción |
-
O Consorcio provincial de bombeiros asina o seu primeiro convenio colectivo
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros de Pontevedra reforzan o seu parque móbil con tres novos vehículos
Por Alejandro Espiño |
-
O consorcio de bombeiros aforra un millón ao ano "por non facer cada un a guerra pola súa conta"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |