Despois de décadas escoitando o argumento do aforro enerxético para axustar os reloxos ao horario de inverno e de verán; agora a Comisión Europea deu como prazo ata abril de 2019 para que os países membros decidan se queren continuar ou non con estes axustes xa que a máxima enerxética ten uns resultados mínimos coa medida horaria.
Na madrugada do sábado 27 ao domingo 28 de outubro tocaranos atrasar unha hora os reloxos; pode ser -de acordo ao que decida o Goberno español- que fora o último cambio no inverno. Neste momento o Executivo español ten en mans dun grupo multidisciplinar o estudo que trasladarán á comisión coa súa decisión. O ministro de Exteriores, Josep Borrel, xa avanzou que non hai nada descartado, mesmo que se opte por un horario acorde coa localización xeográfica de España.
Este último criterio é o que vén defendendo o BNG desde 2006 e que lembra nestas Conversas na Ferrería, a deputada autonómica Montse Prado defende que: "hai que mirar a calidade de vida dos nosos cidadáns e polo tanto axustarnos ao horario que corresponde a Galicia pola localización máis occidental de Europa". Isto é, rexerse polo horario europeo occidental que é o ao que se axustan en Reino Unido, Portugal e Canarias.
O doutor Pedreiraexpón de que maneira afectan á saúde estes cambios horarios e de igual forma como afecta vivir con máis ou menos horas de luz. Considera que aínda que a resincronización dos nosos biorritmos non se adoita prolongar máis aló dunha semana; o factor saúde si será un elemento para ter en conta, aínda que "supoño que non será o determinante".
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Pablo Fernández,expón dous debates: cal sería o horario idóneo para España; quedar permanentemente no horario de verán ou no inverno; e se o cambio europeo ha der unísono. Desde o seu punto de vista un aproveitamento das horas de luz na tarde si redundarían nun maior beneficio para bo número dos sectores da economía española.