A comarca de Pontevedra acadou un 95% de ocupación hoteleira na ponte do Pilar
Por Redacción
Os datos recollidos por Turismo Rías Baixas confirman unha ocupación hoteleira media provincial do 77% durante a pasada ponte do Pilar.
Segundo valoran dende a Deputación, esta porcentaxe, similar á do ano pasado, manifesta a boa saúde do turismo na provincia de Pontevedra, tanto en canto aos hoteis como ás casas de turismo rural que acadaron unha ocupación do 60% durante a ponte.
Os establecementos hoteleiros acadaron unha porcentaxe do 95% na comarca de Pontevedra. No caso da comarca de Vigo a ocupación ascendeu ao 93%. A comarca do Salnés rexistrou o 88% de ocupación hoteleira e as comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes acadaron o 84%. No caso da comarca do Morrazo a porcentaxe de ocupación foi superior ao 74%, na de Caldas do 72% e no Baixo Miño do 66%. Pola súa banda, as comarcas do Condado e da Paradanta superaron o 43% de ocupación hoteleira.
En canto ao turismo rural, co 60% de ocupación durante a ponte, estase a consolidar como unha das opcións preferentes en canto ás persoas que escollen a provincia de Pontevedra para as súas vacacións e tempo de ocio.
Máis polo miúdo, a comarca de Pontevedra rexistrou unha ocupación do 92% nas súas casas rurais; O Salnés do 76%; os establecementos rurais de Caldas acadaron o 69%; as casas rurais das comarcas do Morrazo, O Condado e A Paradanta superaron o 55%; Vigo acadou un 54% de ocupación nos establecementos rurais; as comarcas do Deza e Terra de Montes do 41% e O Baixo Miño superou unha porcentaxe do 33% nas súas casas de turismo rural.