Tomeza gaña un espazo público a carón da igrexa
Por Redacción
O Concello de Pontevedra inicia este luns o acondicionamento da parcela municipal situada ao carón da igrexa de Tomeza, que terá un uso diverso para a parroquia.
Trátase dunha demanda dos veciños de Tomeza, tratada nos Consellos parroquiais, que servirá para ampliar o espazo de esparcemento e lecer dos veciños neste lugar central da parroquia, onde se desenvolven grande parte das actividades.
Os traballos, que terán un custe duns 50.000 euros, faranse por fases debido ás necesidades da obra. Inicialmente está prevista a limpeza e explanación de toda a parcela, onde tamén se actuará na demolición dunha das vivendas situadas nela (a máis moderna).
Esta primeira fase dos traballos rematará coa explanación e achega de xabre a toda a parcela. Será necesario deixar a parcela durante uns meses nesta situación para que acompactación do xabre sexa a adecuada.
A continuación está prevista a urbanización da parcela coa acometida da rede de augas pluviais, asfaltado, e outras actuacións para deixala en perfecto estado de uso e disfrute dos veciños.