A Deputación axuda con 715.000 euros a equipos que participan en deportes federados de ámbito nacional
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra destina 715.5000 euros a 76 equipos de diferentes modalidades de deporte federado da provincia a través do programa de subvencións para os clubs que participan en competicións federadas de ámbito nacional.
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a concesión das axudas para esta iniciativa, que se dirixe a apoiar a ditos clubs na súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito nacional convocadas por organismos ou federación deportivas galegas ou españolas nas modalidades deportivas con implantación na provincia.
Para clubs de baloncesto concédense un total de 100.000 euros, para fútbol sala 30.000, un total de 123.500 euros para fútbol, 20.000 para bádminton, 185.000 para balonmán, 30.000 para atletismo, 18.000 para tenis de mesa, 35.000 para voleibol, 15.000 para béisbol, 64.000 para ciclismo e 95.000 para o resto de modalidades.
A Deputación xa aprobou en xullo a concesión de subvencións para clubs deportivos que compiten no ámbito inferior a nacional por un importe global de 600.000 euros, beneficiando a un total de 557 clubs. Nas próximas semanas aprobaranse as concesións para clubs que compiten no ámbito náutico, que inclúen as disciplinas de remo, vela e piragüismo, e para as que se destinan 500.000 euros.