Medicións para coñecer cantos vehículos circulan a diario nas estradas provinciais
Por Redacción
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciou unha campaña de control de aforamento nas estradas provinciais.
O obxectivo da administración é coñecer o número medio de vehículos que pasa por cada estrada, así como sobre a velocidade coa que circulan para despois priorizar actuacións de mellora viaria e acougado de tráfico.
Desta forma realizaranse 111 medicións semanais e 31 diarias en diferentes viarios, consistentes nas colocación dunha banda transversal á calzada e nunha pequena caixa lateral para rexistrar os datos sen que se produza a identificación de ningún dos vehículos que pase polo lugar.
Nos últimos días estes medidores xa se colocaron en estradas como Seixo-Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e Alto da Portela-Beluso (Bueu), na EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira (Caldas), na Portonovo-Vichona (Sanxenxo), Coirón-Ribadumia-Leiro (Meaño), Mosteiro-Barrantes e San Martiño- Armenteira (Meis).
Aos datos rexistrados neste ano sumaranse os dos tres próximos exercicios (ata 2021), data na que finaliza o vixente Plan Plurianual de Aforamentos contratado polo departamento de Mobilidade.
"É evidente que os aforos dinnos cales son as estradas máis transitadas, pero tamén nos revelan estradas próximas a núcleos de poboación polas que a pesar de que pasan poucos vehículos as velocidades non son as idóneas. Iso é fundamental sabelo para actuar en consecuencia", explicou o deputado responsable desta materia, Uxío Benítez.
A rede provincial conta de 377 estradas e case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón o 50% da rede total, aínda que só soporta o 16% do tráfico real.