A Xunta asegura que non talará as árbores de Gaxate
Por Redacción
A Xunta di que non vai talar ás árbores centenarias situadas na estrada C-531 ao seu paso polas aldeas de Gaxate e Verducido. Así o trasladou o delegado territorial da administración autonómica en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nunha visita feita este xoves ás parroquias de Gaxate en A Lama e de Forzáns en Ponte Caldelas.
Deste xeito, Cores Tourís, acompañado do alcalde de A Lama, Jorge Canda, e do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, así como do xefe territorial de Medio Ambiente de Pontevedra, José Luis Díez, percorreu estas dúas parroquias para coñecer persoalmente as inquedanzas da veciñanza en relación aos árbores que foron marcadas por técnicos da Consellería.
Segundo explicou o delegado territorial, os técnicos marcaron estes árbores para incluílos dentro dun informe e inventario que se está a facer en todas as estradas autonómicas de cara a executar limpezas e melloras que eviten que as polas ou as follas poidan causar accidentes de tráfico, "especialmente no inverno, cando estas follas poden provocar derrapes dos vehículos ou zonas en sombra onde se xere xeo".
"Hai quince días, cando ambos alcaldes se puxeron en comunicación comigo ante a preocupación veciñal, xa lles trasladei que, precisamente, nesta estrada de Forzáns non se determinou que se tivera que cortar árbore algún, polo que non entendo agora por qué o PSOE presenta unha moción neste senso", engadiu José Manuel Cores Tourís. "Hai outras estradas que si contan con árbores que poden ser perigosas, pero sempre soen ser eucaliptos ou pinos, e estes si terán que ser retirados".
No caso de Forzáns e Gaxate, "o único que se vai facer é unha poda controlada nos casos en que as polas estean moi baixas ou que presenten signos de posible rotura. Entendo a preocupación dos alcaldes, xa que se trata de árbores con gran número de anos e que xeran unha paisaxe realmente digna de mención en ambas parroquias", rematou o delegado territorial.
Pola súa banda, os alcaldes agradeceron a Cores Tourís que acudira ata ambos municipios "o que axudará a tranquilizar aos veciños", asegurou Perfecto Rodríguez.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, engadiu que "nós dende un principio dixémoslle ao delegado territorial que cortar estes árbores era algo inaceptable, xa que moitos deles están a punto de cumprir 100 anos".