Estudantes de 17 nacionalidades chegan ao campus de Pontevedra
Por Redacción
O campus de Pontevedra acolleu este xoves o seu acto de benvida aos 41 alumnos internacionais que permanecerán na cidade durante o primeiro cuadrimestre e aos dez que permanecerán na cidade do Lérez todo o curso, aos que se sumarán aqueles que se matriculen para acudir á Boa Vila no segundo cuadrimestre.
En total son 51 estudantes, chegados de 17 países, aos que persoal de diferentes servizos da universidade achegou, nun acto celebrado na Casa das Campás, a oferta formativa, cultural ou deportiva da institución académica.
Tras recibir a benvida, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a directora da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia García Piña, desexáronlles "que poidades levarvos toda unha bagaxe de experiencias preciosas e interesantes e novas amizades, que penso que iso é que o que fai as persoas ser cada día máis cidadás do mundo", como salientou o vicerreitor.
Brasil, con oito estudantes, e México, con seis, son un ano máis os países máis representados na comunidade internacional do campus pontevedrés, do mesmo xeito que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que recibe a 29 destes 51 estudantes, volve ser o centro con maior presenza de alumnado estranxeiro.