'Pillan' os dous ladróns que levaron lotería e talonarios de cheques dun restaurante de Combarro
Por Redacción
A Garda Civil detivo un home de 42 anos e imputou outro de 35 como supostos autores dun delito de roubo no restaurante 'A Nova Parada' de Combarro.
Segundo informou a Garda Civil, o arrestado é J.M.L.I. e o imputado V.M.M.G.. Ambos os dous son veciños de Poio e mentres o segundo non chegou a ser detido o primeiro quedou en liberdade con cargos tras prestar declaración no Xulgado de Garda de Pontevedra.
Os feitos que se lle imputan producíronse na madrugada do domingo ao luns e ao día seguinte, o luns 13 de maio, presentouse unha denuncia por estes no posto da Garda Civil de Pontevedra.
Segundo consta na denuncia, os ladróns romperon o cristal dunha ventá do restaurante para acceder ao interior e, unha vez dentro, apoderáronse do caixón da máquina rexistradora, que contiña billetes e moedas para o cambio, varios décimos de lotaría e talonarios de cheques de distintas entidades bancarias.