Un pontevedrés que vendía cocaína a domicilio acepta dous anos de cárcere
Por Oskar Viéitez
Dous anos de cárcere é a condena que este martes aceptou un veciño de Pontevedra tras recoñecer que vendía droga a domicilio.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra e iniciouse por mor da investigación efectuada por membros da Policía Local que revelou que o acusado se dedicaba habitualmente á venda de substancias estupefacientes, sobre todo cocaína, en locais de lecer da cidade de Pontevedra utilizando para iso unha motocicleta da súa propiedade.
No escrito de acusación da Fiscalía detállase que os policías locais foron testemuñas de varias transaccións de droga.
Do mesmo xeito que fixo este martes ante a Sección Segunda da Audiencia tamén no seu día ao ser detido o procesado recoñeceu ante os axentes que se dedicaba á venda de substancias estupefacientes.
Os feitos constitúen un delito contra a saúde pública referido a substancias que causan grave dano á saúde concorrendo no acusado a circunstancia modificativa de confesión do feito polo que se lle impuxo unha pena de dous anos de prisión e multa de 1.012,56 euros, con 20 días de responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento desta cantidade e ao pago das costas causadas.