Cidadáns Pontevedra reclama "minipuntos limpos" nos barrios e parroquias do municipio
Por Redacción
Cidadáns Pontevedra presentou unha proposta no Concello para que o goberno local instale "minipuntos limpos" nos barrios e parroquias do municipio, a fin de fomentar a reciclaxe e a sustentabilidade. A concelleira María Rey destaca a aposta da súa agrupación pola recollida selectiva, "que non só debe limitarse aos contedores tradicionais".
Neste sentido, explica que os "minipuntos limpos" son pequenas instalacións (que poden ocupar menos dun metro cadrado de base) nas que se poden depositar ata oito tipos de residuos de pequeno tamaño, entre os que se atopan pilas, lámpadas, tóner de impresora ou baterías.
Engade que Pontevedra conta cun único Punto Limpo no polígono do Campiño, onde se recollen este tipo de residuos, "pero está afastado do centro e de varias parroquias". Con esta iniciativa "pretendemos achegar aínda máis a recollida selectiva ao cidadán", din.
María Rey cre que "non todo consiste en investir en ideas improvisadas sobre a compostaxe" e engade que "aos veciños e veciñas resultaríanlles moi útiles estas instalacións e queremos lembrar que, á parte de concienciar sobre a sustentabilidade, hai que poñer solucións", conclúe.