Susto en Sanxenxo por unha explosión de gas propano nun hotel
Por Redacción
Unha explosión provocada por unha fuga de gas propano causou importantes danos materiais no Hotel Nuevo Vichona de Sanxenxo.
Segundo confirmaron fontes municipais, o suceso saldouse sen feridos. O establecemento, ademais, non tivo que ser desaloxado.
A deflagración produciuse na área da piscina, por onde pasan as canalizacións de gas que dan servizo ao hotel.
Aínda que os técnicos non determinaron aínda as causas da explosión, os primeiros estudos realizados na zona apuntan a que se acumulou unha bolsa de gas, quizais por unha pequena fuga, que acabou estalando en contacto coa maquinaria da piscina.
Ao lugar desprazáronse efectivos do parque de bombeiros de Ribadumia e do servizo local de Emerxencias de Sanxenxo.
Ademais de atender ao lugar no que se produciu a explosión, inspeccionáronse as conducións de gas para comprobar que non existía risco de novas detonacións.