Baixada de temperaturas e algo de choiva no inicio da semana
Por Redacción
O luns amenceu con tronada. A responsable é a mestura dun anticiclón en superficie e aire frío en altura que propiciará unha xornada coa atmosfera moi inestable.
Din os técnicos de MeteoGalicia que deste xeito no luns os ceos estarán parcialmente anubrados, con chuvascos, de intensidade puntualmente forte e localmente acompañados de aparello eléctrico. As temperaturas mínimas terán descensos entre lixeiros e moderados, pero as máximas descenderán de forma notable quedando lonxe dos 30 grados rexistrados nas Rías Baixas na fin de semana. Os ventos soprarán do nordés, frouxos pola mañá, aumentando a moderados pola tarde.
Para o martes a previsión dí que a situación meteorolóxica continuará marcada pola inestabilidade. Deste xeito agardamos un día de ceo parcialmente anubrado, con algunhas chuvias irregularmente repartidas, máis probables no noroeste durante a mañá e de forma algo máis xeneralizada pola tarde e durante a noite. As temperaturas sufrirán un novo descenso, entre lixeiro e moderado, polo que os termómetros marcarán valores propios da época do ano. Os ventos soprarán do nordés na metade norte, con intervalos de moderado, e frouxos variables na metade sur.
E xa o mércores as altas presións continuarán estacionarias ao noroeste da península Ibérica, pero unha bolsa de aire frío en capas medias e altas da atmosfera continuará achegando inestabilidade. Deste xeito o ceo alternará momentos de nubes, con momentos de apertura de claros e rexistraremos algunhas precipitacións de carácter potencialmente tormentoso, máis probables no norte pola mañá e no leste pola tarde. As temperaturas non terán cambios significativos. Os ventos soprarán do nordés, con intervalos moderados.