A escola infantil de Saíñas recibirá este curso 117.000 euros da Xunta para o seu mantemento
Por Redacción
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, realizou este venres unha visita á escola infantil Saíñas, en Poio, un centro de iniciativa social subvencionado pola administración autonómica que oferta 94 prazas para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.
Segundo explicouse tras a visita, a Xunta outorgoulle este ano unha subvención ao centro de 117.474 euros para o seu mantemento, o que supuxo un incremento do 6% e que se suma ao investimento de 17.429 euros realizada en 2017 para realizar obras e para a adquisición de equipamento e material informático.
González destacou o importante papel que desenvolven as escolas de iniciativa social (EPIS) no fomento da conciliación da vida laboral e familiar, cos mesmos prezos públicos en atención educativa que os centros da rede galega de escolas infantís da Galiña Azul.
Durante este curso realizaranse achegas a 48 centros destas características en Galicia por valor de 3,4 millóns de euros, ademais de achegas económicas para obras de adecuación e mellora de escolas infantís e puntos de atención á infancia que dependen dos concellos que contan con cofinanciamento do fondo FEDER.