Heroes de Ponte Sampaio pide que a parroquia deixe de estar catalogada como zona residencial
Por Redacción
A asociación veciñal Heroes de Ponte Sampaio esixe ao Concello de Pontevedra que a súa parroquia se descatalogue como zona residencial por considerar que non reúne as condicións dunha zona residencial.
Así, o colectivo veciñal non entende que unha parroquia considerada como zona residencial para pagar os impostos "pode estar tan esquecida polos políticos municipais", pois conta cun plan de ordenación da época de alcalde de José Rivas Fontán (rexedor entre 1979 e 1991), a rede de sumidoiros leva 20 anos sen terminar e a limpeza brilla pola súa ausencia.
Ademais, critican que os camiños non teñen o ancho suficiente nin beirarrúas e que o servizo da auga é particular e non conta con axudas municipais a pesar de que esta dá servizo a varios edificios de titularidade municipal.
Esta petición do colectivo veciñal chega poucos días despois de que o grupo municipal do PSOE denunciase a presenza de malos cheiros, fochancas e maleza na parroquia, pois a asociación lembra que leva varios anos queixándose do mesmo e do abandono que aseguran que sofre a parroquia, en especial en relación coa limpeza e lixo.
"Non é de recibo que unha parroquia pola que discorre o Camiño Portugués e por onde pasan ao ano miles de peregrinos presente unha imaxe deplorable", denuncian. Segundo explican, ten contedores rotos e cheos de lixo aos seus arredores, incluso os que están pegados á ponte medieval. Ademais, a propia ponte presenta unha deficiente limpeza, pois o Concello de Soutomaior límpao ata a metade, pero o de Pontevedra non fai o propio e o seu tramo "parece que non ten dono".
As críticas do presidente deste colectivo, Ramón Agulla, tamén inclúen o estado da praia fluvial da Xunqueira, que non ten un servizo de limpeza diaria, de modo que se acumulan algas no areal, as papeleiras están cheas a rebordar e o lixo está tirada no chan, afeando unha zona á que acoden centos de persoas na época estival.
Segundo explican, a limpeza en Ponte Sampaio limítase a unha limpeza anual en toda a parroquia coincidindo cuns días antes das festas dos lugares de Vilar, Rañadoiro, Acevedo ou o propio centro urbano.