A subdelegada do Goberno revisa os controis sanitarios que se fan na Inspección Fronteiriza de Marín
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba visitaba este venres as instalacións do Punto de Inspección Fronteiriza (PIF) que se atopan no Porto de Marín. Alí, os inspectores de Sanidade realizan controis para garantir a seguridade dos produtos que despois son consumidos en territorio español.
Javier Seoane, xefe das dependencias de Agricultura e Pesca da Subdelegación e o xefe de Explotación do Porto de Marín, José Manuel Abad realizaron o percorrido polas instalacións, acompañando á subdelegada. Este espazo foi ampliado nos últimos meses e permite un mellor traballo no control das mercadorías.
Os servizos de Sanidade Vexetal, sobre todo, exercen un labor de control con produtos como a madeira en taboleiros para a exportación e a importación de froita que circula polo porto. Pola súa banda, os de Sanidade Animal vixían a entrada de pensos, forraxe, soia e fariña de peixe para a alimentación de animais. Realízase unha analítica de cada partida e controlando a presenza de restos de bovinos que puidesen causar o denominado "mal das vacas tolas".
Maica Larriba destacou durante a visita a actuación destes servizos, responsables de que os produtos cheguen con garantías de atoparse en bo estado para o consumo tanto humano como animal.