A poeta Carmen Quinteiro reflexionará sobre a igualdade a través dunha performance en Bueu
Por Redacción
O programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' que desde hai tres anos dá visibilidade á loita contra as violencias machistas a través da arte chegará este xoves 9 de agosto a Bueu. Será a partir das 11.30 horas cunha nova intervención artística de Carmen Quinteiro.
A poeta pontevedresa realizará unha performance na Praza Massó que consistirá nunha reflexión acerca da igualdade a partir dun conxunto de debuxos e textos elaborados por nenos. Nesta peza, En Bueu, titulada Niños, a artista fará fincapé en como cada persoa vai construíndo a súa identidade nun mundo diverso.
A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, asistirán á cita, a décimo novena intervención artística desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que reúne o traballo de 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.
Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e celébrase este ano en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal.