Os Gardacostas intensifican o control sobre a pesca no litoral
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, intensificou estes días o seu control sobre o litoral galego con varias actuacións.
Entre os controis destacan os realizados polos axentes dos Gardacostas na ría de Arousa, onde incautaron un total de 307 nasas e butróns que estaban sen identificar, 150 metros de artes de enmalle e máis de 137 quilos de marisco e peixe. Unha destas actuacións desenvolveuse en San Vicente do Grove e Esqueiro e saldouse con 157 nasas intervidas por carecer de identificación e 57 quilos de polbo requisados.
A maiores, os controis realizados na ría de Pontevedra resultaron coa incautación de 56 útiles, a maioría nasas, e co comiso de 53 quilos de marisco. A actuación máis destacada foi en Festiñanzo e no porto de Sanxenxo e nela os gardacostas requisaron 52 nasas e catro viveiros, que estaban sen identificar e seis quilos de polbo, catro quilos de nécora, dous quilos de lumbrigante e un quilo de camarón.
En toda Galicia as cifras ascenderon a 884 nasas requisadas e preto de 300 quilos de marisco e peixe intervido.