Un falecido e un ferido grave no choque dunha moto e unha furgoneta en Barro
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha persoa faleceu e outra resultou gravemente ferida tras verse implicadas nun accidente de tráfico rexistrado na tarde deste sábado en Barro. Trátase de dous veciños de Cuntis. O falecido é un varón que conducía a moto e a ferida grave a súa parella.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, varias persoas chamaron sobre as 16.30 horas deste sábado para alertar dun accidente na estrada PO-226 ao seu paso polo termo municipal de Barro.
No sinistro víronse implicadas unha moto e unha furgoneta cando circulaban pola estrada de Porráns a Moraña, á altura de Mane. As mesmas persoas que contactaron co servizo de atención ás emerxencias de Galicia sinalaban a gravidade das feridas sufridas, especialmente polo motorista, que perdeu un membro inferior.
Os profesionais sanitarios acudiron ao lugar do accidente a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago e finalmente, o condutor e a ocupante da moto foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde el faleceu pouco despois e ela foi atendida por lesións graves.
Ata o lugar do accidente trasladouse persoal da Axencia Galega de Infraestruturas, que se encargou da limpeza e restablecemento das condicións de seguridade na vía.