Adif reporá 13 pozos que abastecen de auga casas de Barro afectadas pola alta velocidade
Por Redacción
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) comprométese a asumir a reposición de 13 pozos para o subministro de auga a casas da parroquia de San Amaro, en Barro, que deixaran de funcionar a raíz das obras de construción da liña de alta velocidade do Eixo Atlántico no municipio.
Os veciños criticaban que a solución dada en 2009 ao secado dos seus pozos polas obras supoñía innumerables problemas, polo que esixían a reposición dos seus pozos iniciais. Este venres, finalmente, lograron esa solución despois dunha reunión celebrada na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Na reunión participaron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes; o tenente de alcalde, José Sanmartín; unha representación dos veciños; e o director de Construción de Adif, Juan Pablo Villanueva,
Ao remate da mesma, Maica Larriba anunciou o acordo e amosou a súa satisfacción polo compromiso acadado por Adif. Subliñou que despois de tantos anos acádase unha solución que agrada a toda a veciñanza de San Amaro e agradeceu a disposición de Adif e dos seus responsables por atender tan rápido a demanda feita dende a subdelegación pontevedresa.
Xosé Manuel Abraldes defendeu durante a reunión a necesidade de dar unha solución definitiva a este problema e Adif asegurou que vai a iniciar o proxecto para a reposición destes 13 pozos no prazo de tempo máis breve posible para dar unha solución definitiva.
Segundo informou a subdelegación a través dun comunicado, os veciños agradeceron a boa vontade de Adif e o alcalde de Barro deu as grazas a Maica Larriba pola súa implicación para atender esta demanda.