A Deputación destina a súa colaboración con Unicef a garantir o acceso á saúde infantil de Siria
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa vicepresidenta de Unicef en Galicia, Gloria del Río, deron a coñecer este martes o proxecto que a ONG vai desenvolver este ano en Siria en colaboración coa institución provincial dirixido a garantir a supervivencia e desenvolvemento dos nenos de Siria asegurando o seu acceso á saúde
Carmela Silva detallou o importante papel que está a desenvolver Unicef para atender á infancia de todo o mundo e asegurou que a colaboración coa ONG non é máis que "cumprir co noso deber como administración que non quere ser insensible á dor".
Fai tres anos Unicef expuxo ao goberno provincial a posibilidade de colaborar cos proxectos que levaba a cabo en Siria.
Así, este ano entregouse a Unicef unha achega de 12.500 euros cos que se atenderán a 10.160 persoas a través da distribución de 10.000 kits de saúde e emerxencia coas principais subministracións para que os centros de saúde brinden a atención sanitaria básica; 2 kits pediátricos para un mes e tamén kits de partera preparados para atender partos normais, que conteñen a equipamento médico necesario e medicamentos para realizar intervencións de emerxencia a mulleres.
O ano pasado Unicef, en colaboración coa institución provincial, levou a cabo en Siria un proxecto educativo, dirixido a 5.750 menores proporcionando mochilas escolares e de escolas nunha maleta, subministracións básicas de lecer e tamén subministracións básicas para a primeira infancia.
A vicepresidenta de Unicef en Galicia agradeceu o apoio prestado "desde o primeiro momento" pola Deputación e destacou os máis de sete anos que a poboación de Siria leva vivindo nunha guerra "que non ten precedentes debido á súa complexidade, brutalidade e duración" con máis de 6,4 millóns de persoas desprazadas, 5,2 millóns refuxiadas en países veciños e 14,6 que non teñen auga potable.