Rodrigo Cota desmente á plataforma Touradas fóra de Pontevedra
Por Redacción
"Véxome na obriga de desmentir que vaia a ser eu a persoa encargada de ler este ano o comunicado da plataforma Touradas fóra de Pontevedra". Así arranca o comunicado difundido este martes polo xornalista Rodrigo Cota ante a información difundida polo colectivo abolicionista no que anunciaba a persoa elixida para dar voz ao seu manifesto.
Rodrigo Cota explicou que a principios deste mes recibiu unha chamada telefónica dun membro desa plataforma na que se lle expuxo esa posibilidade. "Nunha conversación informal de minuto e medio, dixen que en principio non tería problema. Creo que engadín que me encantaría". É coñecida a súa posición contraria á tauromaquia en todas as súas formas e, como el mesmo sinalou, "a que se converta a tortura e morte dun animal nun espectáculo festivo".
Ante esa proposta o único que pediu Cota foi a celebración dunha reunión para acordar os contidos e decidir quen se encargaría da súa redacción. "Entendo que quen fale en nome dunha plataforma non debe facelo como un busto parlante, ou como unha cacatúa, senón compartindo o que le", apunta o xornalista.
A clave está en que "esa reunión xamais chegou a celebrarse nin recibín noticia algunha da plataforma nas semanas sucesivas, polo que cheguei a pensar que finalmente se decantaron por outra persoa, o que por outra banda me parecía ben, pois hai moita xente con máis credenciais que as miñas para desempeñar ese labor".
Tras ver publicada na prensa a noticia de que Rodrigo Cota ía ler o manifesto reaccionou para desmentir a información e sinalar que "o certo é que nin se me chamou para confirmar a miña presenza, nin se me presentou texto algún, nin se me chamou para avisarme de que se me ía a anunciar na prensa como o portavoz deste ano".
"Non se dan as condicións para que sexa eu quen se encargue de ler o comunicado"
Por todo iso, Rodrigo Cota considera que "non se dan as condicións para que sexa eu quen se encargue de ler o comunicado".
"Entendo que o malentendido se debe á ausencia de comunicación indispensable nestes asuntos e que se deu por feito que eu aceptara facer algo que non aceptara facer".
Dito todo o anterior, Rodrigo Cota expresou a súa convicción de que "a plataforma Touradas fóra de Pontevedra desenvolve un labor necesario e desexo que consigan o seu obxectivo final, que é acabar cun espectáculo sanguento que só se celebra en Pontevedra, polo que a súa desaparición desta cidade supoñerá o fin das corridas de touros en todo o país galego, algo que anhelamos moitos".