Tres feridos nun accidente entre unha bici e unha motocicleta en Cambados
Por Redacción
Un matrimonio de arredor de 65 anos, vecinos de Cabanelas, que circulaban nunha motocicleta e un mozo que viaxaba nunha bicicleta resultaron feridos ao impactar na estrada PO-300 entre Cambados e Pontevedra á altura de Vilariño, nas proximidades da Adega Martín Códax.
Segundo manifestou mentres era atendido o condutor da motocicleta, o ciclista non realizou o ceda ao paso e impactou contra a parella. A caída causou numerosas lesións aos tres implicados. O ciclista sofre danos nun nocello. Mentres que a muller sufriu contusións na cara ao igual que o marido que presentaba tamén unha lesión torácica coa posibilidade de que se tivese producido algunha fractura.
No accidente interviñeron unha ambulancia de Urxencias médicas e Protección civil de Cambados que actuaron na evacuación dos feridos, ademais da Garda Civil de Tráfico e a Policía local de Cambados. Os feridos foron trasladados ao Hospital do Salnés.