Augas de Galicia regularizará a situación administrativa da presa de Parada
Por Redacción
A veciñanza do lugar de Parada, en Ponte Caldelas, acudiu este xoves á convocatoria do Concello de Ponte Caldelas para abordar os requirimentos enviados por Augas de Galicia, órgano dependente da Consellería de Medio Ambiente, para cegar a presa veciñal de rego con advertencia expresa de sancións en caso de incumprimento.
O alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde Lito Muíños, dirixíronse á asemblea veciñal en nome de todo o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) para expresar o apoio total do Concello á veciñanza, que considera esta infraestrutura vital para o rego de todo o val de Parada e tamén para manter o nivel dos pozos de subministro domésticos.
Andrés Díaz informou que un contacto de última hora con Augas de Galicia apunta a unha suavización da postura deste ente autonómico, que agora se manifesta disposto a tramitar a regularización administrativa da presa. Diante deste cambio, o Concello animou á veciñanza a recuperar a súa comunidade de regadores, desaparecida hai anos, para, acto seguido iniciar o procedemento de regularización administrativa.
A proposta foi inmediatamente acollida e os veciños designaron unha nova directiva. O Concello prestará a súa axuda para a aprobación duns novos estatutos e o rexistro formal da comunidade. A partir de aí prestará tamén asesoramento para a solicitude de regularización da presa e, chegado o caso, tamén axuda económica para a realización das obras que sexan necesarias para o cumprimento da normativa actual.
A veciñanza amosou a súa indignación diante das ameazas de Augas de Galicia toda vez que a canle de Parada existe dende o ano 1704, tal e como está acreditado en varios documentos, entre eles un libro que recolle a súa historia. Nestes 314 anos transcorridos, a estrutura que capta a auga do río Verdugo e a distribúe por Parada e parte de Cuñas, cun percorrido total de 3 quilómetros, foi pasando de xeración en xeración e forma parte do patrimonio sentimental do pobo.
O goberno local volveu lamentar a "insensibilidade burocrática" de Augas de Galicia, que envía "cartas ameazantes" aos veciños cun evidente descoñecemento das tradicións e a historia dun municipio rural onde hai ducias de instalacións de rego seculares.
"Estruturas feitas coa sabedoría e o bo facer de antes, que mesmo son beneficiosas para o medio ambiente", afirman. Dende logo, recalcan dende o Concello, "nada que ver coa barbaridade ecolóxica proxectada por Augas de Galicia para transvasar gran parte do caudal do Verdugo aos concellos da área de Vigo nos períodos de seca".