Un xulgado pontevedrés envía a prisión a catro detidos dunha banda do leste de Europa que operaba por toda Galicia
Por Redacción
O Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra decretou o ingreso en prisión de catro homes de nacionalidade xeorxiana detidos no marco da operación Cáucaso, que permitiu desartellar unha banda do leste de Europa que operaba por toda Galicia.
A investigación centralizouse neste xulgado pontevedrés e puxo fin ás actuacións dun grupo especializado en roubos con forza en vivendas que estaba formado por catro homes. Os catro foron detidos o pasado 12 de xullo no marco dun amplo operativo policial que levou ao rexistro do piso desde o que operaba a organización criminal e a detención dos catro membros da mesma.
Os investigadores da Policía Nacional atribúenlles 19 roubos con forza en vivendas de distintas localidades galegas cometidos desde o mes de marzo e moitos máis que aínda non foron contabilizados ao longo do ano 2017.
Segundo informou a Policía Nacional, accedían aos domicilios próximos a glorietas próximas á autoestrada utilizando os métodos de bumping e do resbalón, actuando sen causar dano algún na fechadura e deixando a porta perfectamente pechada tal cal a deixaban os seus propietarios. Do interior levaban xoias, diñeiro en efectivo, e algúns efectos persoais ou de electrónica.
Para dar saída ás xoias, facilitar a súa ocultación e traslado e evitar que os propietarios as puideron recoñecer fundíanas. No rexistro realizado no piso localizaron o instrumental e útiles empregados para a fundición, entre eles, crisois, pinzas para manipulación, sopletes, acedo para a fundición de xoias, "pedra de toque" para valorar a calidade das xoias e pureza do ouro e medidor de diamantes.
Durante a investigación procedeuse á intervención de tres vehículos, 1.400 euros, billetes en moeda xeorxiana e ucraniana, e todo tipo de ferramentas das utilizadas para violentar as fechaduras dos domicilios.
Na operación participaron as brigadas de Policía Xudicial das Comisarías da Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo, apoiados por GOES, e Grupo de Vixilancias da Xefatura Superior de Galicia.