Os traballadores dos hospitais privados xa teñen novo convenio
Por Redacción
Os tres sindicatos que representan os traballadores dos hospitais privados de Pontevedra, CIG-Saúde, CCOO e UGT, asinaron o novo convenio de hospitalización e internamento da provincia tras ano e medio de negociacións coa patronal.
O novo convenio terá vixencia ata o ano 2019 e permite compensar as perdas retributivas que os traballadores tiveron nos últimos anos. Con todo, recoñecen os sindicatos, aínda se mantén unha débeda importante cos empregados do sector en aspectos sociais e de melloras retributivas que nesta negociación non se conseguiron incorporar ao convenio.
No acordo se recolle unha subida salarial total durante o período de vixencia do 5%, con subida do 0,50% nas táboas salariais para o ano 2016 a partires das cales se aplicarán as seguintes subidas, do 1,25% para o ano 2017, do 1,50% para o 2018 e do 1,75% para o 2019, con revisión segundo o valor do IPC para os dous últimos anos.
Entre as melloras figura que a xornada anual será de 1.770 horas de traballo máximo efectivo, que será mellorada polo cambio de consideración progresiva dos días de libre disposición, pasando a ser retribuídos e non recuperables, ata un máximo de tres no ano 2020.
No apartado de licenzas e permisos, por último, se incorporan melloras para as nais e pais con fillos que precisen asistencia sanitaria.
Para tratar de evitar a demora na negociación do próximo convenio, os sindicatos acordaron iniciar as negociacións en outubro de 2019 e, no caso de non ter rematada a negociación do convenio, a partires do 1 de xaneiro do 2020 estará garantida a subida salarial segundo a evolución do IPC ata a sinatura dun novo convenio.