Rescatan un home que perdeu o coñecemento cando nadaba na Lanzada
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Coa chegada da calor e temperaturas próximas aos 30 graos, as praias enchéronse na xornada deste sábado de numerosos bañistas nas Rías Baixas. Un deles sufriu un susto importante, segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.
O home atopábase nadando na praia da Lanzada, no municipio do Grove, e por causas aínda por determinar perdeu a consciencia e, segundo testemuñas presenciais, foron outros bañistas os que sacaron ao home da auga e os que o atenderon en primeira instancia.
Unha vez na area, practicáronselle os primeiros auxilios co obxectivo de reanimalo. Desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios que, finalmente, decidiron evacuar á vítima ao Hospital de Montecelo en Pontevedra para sometelo a unha exploración médica.
Na intervención participaron os socorristas que se atopan na praia, ademais de axentes da Garda Civil, que foron alertados polo 112 Galicia. Numerosos bañistas contemplaron a escena e foron os primeiros en alertar aos servizos de emerxencias.