Que fai unha boneca de neve nas praias de Marín?
Por Redacción
Este venres iniciouse unha novedosa campaña de concienciación do cambio climático nas praias do Concello de Marín.
Consiste nunha "boneca de neve", realizada pola Asociación Juan XXIII, que de xeito itinerante, estará a pasar o verán de praia en praia nos areais de Marín, como contraste coa época estival.
Tamén chama a atención que sexa unha boneca, polo que unha vez máis a concellería que dirixe Marián Sanmartín, aproveita esta campaña para de maneira subliminar afondar sobre a igualdade de xénero.
Dende o Concello se convida á veciñanza e persoas usuarias das praias a facerse fotos coa nova veciña, e así amplificar a mensaxe de loita contra o cambio climático e a igualdade de xénero.
VISITA Á FINCA DE BRIZ
Tamén este venres a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, realizaron unha visita á Finca de Briz, acompañando a varios dos membros do Padroado da Fundación Juan XXIII: Magín Froiz, presidente da fundación, Mª Carmen Puga e Antonio Jar Ramos, membros do padroado, Diego Chapela, director da fundación e Jose Mariño, encargado da fundación en Marín e artífice e coordinador das obras de arte que se realizan na Finca.
Nestas últimas semanas, son varias as figuras que coa colaboración dos traballadores da fundación e do artista Santi Castro, se colocaron na Finca, sumando un total de 15. Ademais, os membros de Juan XXIII encárganse do mantemento deste lugar, que recibe moitísimas visitas, tanto de Marín, como de fóra, destacando as excursións de fin de curso de colexios de toda Galicia.
A intención da visita foi compartir impresións sobre o traballo das persoas con discapacidade no Concello de Marín e comprobar a calidade do traballo que realizan, ademais de ter un achegamento institucional cos propios traballadores que se encargan do mantemento da finca e doutros xardíns e espazos municipais. Todos destacaron a satisfacción pola relación que manteñen ambas institucións.