Trasladan a Povisa un traballador cun brazo seccionado nun accidente laboral no porto
Por Redacción
Un mozo de 32 anos sufriu un grave accidente laboral esta mañá no porto de Marín e tivo que ser derivado ao Hospital Povisa de Vigo para tentar salvarlle un brazo.
O accidente produciuse sobre as 10.00 horas deste venres cando o home traballaba nunha empresa situada no porto marinense manexando palés cunha carretilla elevadora.
Por causas que deben investigarse, caéronselle as uñas do elevador e acabaron seccionándolle o brazo á altura do cóbado. Inmediatamente foron alertados os servizos de emerxencias e desprazouse á sede da empresa unha ambulancia de Urxencias Médicas de Galicia.
Tras unha asistencia inicial no lugar do accidente, procederon ao seu traslado inmediato a Vigo.
Ata o lugar desprazáronse tamén axentes das policías Nacional e Portuaria. Os axentes do Corpo Nacional de Policía instrúen dilixencias por accidente laboral.