Un condutor de bus salva unha muller de 71 anos practicándolle unha reanimación cardiopulmonar
Por Redacción
Unha muller de 71 anos de idade lograba salvar a vida grazas á rápida intervención do condutor dun autobús. Ao redor das 18.15 horas deste xoves, a muller, veciña de Elxe, que formaba parte dun grupo de turistas caía sobre a calzada cando baixaba dun autobús turístico na rúa San Roque.
O condutor doutro autocar viu a escena e comezou a realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar sobre a beirarrúa mentres non chegaba a ambulancia medicalizada.
Esta intervención permitiu que a muller evitara a parada cardiovascular e, en poucos minutos, foi trasladada ao Hospital Montecelo, estable e con pronogstico grave, segundo informou a Policía Local de Pontevedra.
O médico da ambulancia sinalou que a manobra de primeiros auxilios foi determinante para salvarlle a vida. A muller atopábase visitando a cidade de Pontevedra e tiña previsto trasladarse a Poio para coñecer Combarro.