A Garda Civil inmobiliza 2.500 litros de viño e augardente sen etiquetar nun local de hostalería ilegal
Por Redacción
A Garda Civil de Ponteveda inmobilizou unha partida de algo máis de 2.500 litros de viño e augardente que se estaba comercializando de forma fraudulenta nun local de hostalería da localidade de Meaño que, ademais, estaba aberto ao público sen ningún tipo de permiso de actividade.
A patrulla fiscal e de fronteiras da Comandancia de Pontevedra localizou esta bebida no transcurso dunha inspección rutineira que realizaron no citado local coa finalidade de comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal das bebidas alcohólicas que estaban dispostas para a venda.
Os axentes localizaron no propio local un total de 2.286 litros de viño envasado, tanto branco como tinto, e 486 litros de augardente. Ningunha das bebidas tiña marca fiscal nin etiquetaxe ou rotulación indeleble que puidese determinar a súa trazabilidade, un requisito que esixe a lexislación vixente.
A patrulla procedeu ao precinto e inmovilización cautelar de todos os envases e os axentes denunciaron o responsable do local por dúas infraccións administrativas: unha por carecer de precintos fiscais e a outra polo risco pode supoñer para a saúde pública a venda do alcol, dado que ao carecer de etiquetas comerciais pérdese a trazabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución.
Os axentes comprobaron que a actividade que se desenvolvía neste local estaba totalmente indocumentada, tendo en conta de que carecía do preceptivo rexistro como actividade turística. Tampouco dispoñía do rexistro sanitario, non figuraba de alta na Seguridade Social e carecía da licenza de actividade municipal.
Todas estas supostas irregularidades foron igualmente denunciadas por vía administrativa ante as respectivas autoridades competentes na materia.