O mercado tradicional Emrede triunfou na Lama a pesar do mal tempo
Por Redacción
A choiva que caeu de forma intermitente durante toda a xornada non impediu este domingo a celebración con grande asistencia do mercado tradicional de proximidade Emrede na Alameda da Lama.
Os veciños desafiaron as malas condicións meteorolóxicas e asistiron á cita, na que non faltaron os produtos ecolóxicos e unha infinidade de actividades culturais e musicais complementarias.
Os asistentes puderon mercar pan artesán, instrumentos musicais coa madeira como elemento principal, todo tipo de produtos ecolóxicos, repostería, herboristería, queixo, embutidos, mel, conservas ou larpeiradas. Ademais, pudieron observar como traballa un muíño tradicional de pimentón e o labor das mulleres da Lama que participan nos obradoiros municipais de cesteiría e de palillado.
Segundo a información facilitada polo Concello, Luz Gómez e Claudio Fraga, responsables do evento, salientaron a variedade e calidade dos expositores e avogaron por seguir impulsando este tipo de actividades e iniciativas que tratan de recuperar a esencia dos antigos mercados tradicionais dándolle unha oportunidade aos produtores locais para desenvolver a súa actividade económica e de dinamización do medio rural.
Os organizadores, que contarán coa colaboración do Concello da Lama e da Asociación Cultural Ruta do Río Barbeira, aproveitaron a celebración deste mercado para promocionar produtos ecolóxicos, pizzas feitas con pan de Soutelo, empanadas, filloas, repostería tradicional e vegana, xeados, cervexa e viño albariño e batidos naturais e detox.
Ademais, habilitouse unha carpa con xogos e actividades para nenos todo o día e houbo unha obra de teatro infantil, 'As Aventuras de Paio' e talleres de construción de tipis, as casas típicas dos indios norteamericanos.
O toque musical puxérono a agrupación local 'Os Catro Ventos' e o grupo 'Willi Kings'.