Os empresarios da construción urxen o PXOM como "táboa de salvación" do sector
Por Redacción
A Asociación de Empresarios da Construción de Pontevedra (APEC) quere que se impulse o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como "táboa de salvación" para o sector, do que aseguran que está "agonizante".
A través dun comunicado emitido este mércores, APEC pide aos grupos que conforman o actual grupo de goberno pontevedrés que, "sen máis demora", aproben xa o documento urbanístico.
Sinalan que fan este chamamento aos políticos do equipo de goberno porque "son os únicos que manteñen bloqueado o plan" e con esta actitude tamén teñen "bloqueado" un sector "xa bastante castigados pola crise", como é o da construción que representaba ata fai ben pouco o 12% do PIB galego.
O presidente de APEC, José Luis Campos, sinala que contar cun PXOM actualizado e adaptado en Pontevedra "daría garantías xurídicas de construción e oportunidades" de traballo para as empresas do sector.
A asociación recorda que o PXOM de Pontevedra se leva redactando dende o ano 2004 e cidades que empezaron a realizar os seus plans urbanísticos nesa mesma data xa o teñen aprobado e en vigor, como é o caso da Coruña, Lugo, Vigo ou Santiago ou Ourense, que está pendente de aprobalo.
"Pontevedra é, hoxe por hoxe, a única capital de provincia sen PXOM, e tamén a única gran cidade de Galicia sen o plan actualizado", critican.