A Xunta recuperará unha vivenda de promoción pública ocupada ilegalmente en Monte Porreiro
Por Redacción
A Xunta de Galicia anunciou este xoves o remate do expediente iniciado por ocupación sen título dunha vivenda de promoción pública no barrio pontevedrés de Monte Porreiro. O resultado é que a Administración recuperará a vivenda por ter sido ocupada de forma ilegal.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) iniciou o correspondente expediente e obtivo a autorización xudicial para recuperar a posesión da mesma, pero cando se foi executar os antigos ocupantes non estaban e había novos ocupantes ilegais da mesma, polo que se iniciou un novo procedemento cuxo remate se comunicou este mércores ás persoas que ocupan ilegalmente dita vivenda.
Segundo deu a coñecer a Xunta, unha vez recuperada, a vivenda será adxudicada a través dos mecanismos legais establecidos.
Os ocupantes son coñecedores da situación irregular na que se atopan, da que foron informados en varias reunións mantidas con responsables do IGVS, que lles manifestaron que o acceso ás vivendas de promoción pública debe realizarse a través dos mecanismos que establece a normativa vixente a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
A Xunta recorda que a ocupación ilegal de vivendas de promoción pública lesiona os dereitos de todos os demandantes de vivenda que respectan a normativa legal, e é obriga da administración pública respectar e facer respectar os dereitos do conxunto de demandantes de vivendas protexidas.