Os policías prepáranse en Poio para a chegada dos turistas estranxeiros
Por Redacción
A Policía Local de Poio organizou un curso de formación sobre actualización en materia de tráfico, permisos de conducir, documentación de vehículos e condutores estranxeiros.
O curso está dirixido aos policías locais do Concello en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública, a través dun convenio firmado entre ambas administracións.
Este curso encádrase dentro do plan de formación e desenvolvemento profesional dos axentes de Poio, co gallo de actualizarse tanto en materia administrativa como en materia penal.
Este tipo de formación resulta fundamental para atender as situacións coas que se atoparán no verán, tendo en conta que aumentan considerablemente os vehículos e condutores estranxeiros.
O curso impartiuse no Casal de Ferreirós os días 18 e 19 de xuño, constando dunha parte teórica e outra práctica na rúa, polo que os axentes puxeron en práctica todos os coñecementos teóricos do curso.
O responsable do curso Jaime Dominguez, policía do Concello de Ferrol, experto en criminalista, perito en documentoscopia e perito verificador de vehículos foi o encargado de instruir aos axentes.