A Asociación de Veciños O Mirador organiza unha festa do deporte en Monte Porreiro
Por Redacción
A Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro organiza xunto á UNED de Pontevedra e en colaboración co Concello a súa propia festa do deporte. A xornada festiva terá lugar o sábado 9 de xuño durante todo o día e arrincará ás 11 horas cunha carreira popular, na que poderán participar persoas de todas as idades. A inscrición, gratuíta, deberá realizarse por Internet e nos días previos á data do evento.
Tras finalizar a carreira, os asistentes poderán ver aos máis pequenos gozando do fútbol nun partido que se disputará ás doce na Praza de Europa. Á unha da tarde, o grupo de teatro UNED Senior interpretará a obra de Alejandro Casarón, "Farsa e xustiza do señor corrixidor".
A tarde arrincará cunha exhibición de surf no río e outra de skate na Praza de Europa (ás cinco). Unha hora máis tarde, os asistentes poderán gozar do tenis de mesa e dunha demostración de defensa persoal a cargo da Asociación Amizade. Ás 19 horas terá lugar tamén unha actuación de zumba no mesmo espazo e un torneo de fútbol sala no pavillón Fina Casalderrey.
Pechará a xornada o partido amigable de veteranos que terá lugar ás 19:30 horas no campo de fútbol de Monte Porreiro.