Dous detidos por violar unha muller nunha zona de monte próxima ao Vao
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra detivo catro homes en relación cunha agresión sexual da que foi vítima unha muller nunha zona de monte próxima ao poboado do Vao, en Poio. Dous foron detidos como presuntos autores materiais da violación e outros dous, familiares dun deles, por ameazar e pegar á vítima para evitar que denunciase.
A muller denunciou que a semana pasada regresaba andando desde O Vao cara a Pontevedra cando foi abordada por dous individuos que a levaron á forza cara a unha zona de monte próxima ao domicilio dun deles. Alí tapáronlle a boca para silenciar os berros de auxilio e foi agredida sexualmente polos dous.
Os dous detidos son un veciño do Vao de 50 anos e outro de Pontevedra de 34. Tras a denuncia e os datos achegados pola moza sobre os seus agresores, foron identificados, pero tardaron tres días en ser detidos porque, ao ser coñecedores de que lles buscaban, marcharon dos seus domicilios.
Finalmente, por mor das xestións que se realizaron na contorna familiar, tres días máis tarde acudiron voluntariamente nas dependencias do posto da Garda Civil de Pontevedra, onde foron detidos como presuntos autores dun delito de agresión sexual con acceso carnal.
Os dous detidos foron postos a disposición do xulgado de garda de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional en calidade de investigados e ditou aos dous unha orde de afastamento da vítima.
A vítima acudiu a un centro médico e os especialistas que a analizaron informaron a Garda Civil que presentaba lesións en distintas partes do corpo que eran compatibles co relato dos feitos que denunciaba, unha violación con acceso carnal.
Axentes do posto da Garda Civil de Pontevedra e do equipo de Policía Xudicial de Cangas realizaron investigacións para aclarar estes feitos e concluíron que dous membros da familia dun dos agresores foron presuntos autores dun delito de obstrución á xustiza. Estes dous familiares ameazaron e agrediron fisicamente á vítima da agresión sexual, co obxecto de intimidala para que non presentase ningunha denuncia.
Estes dous detidos foron postos en liberdade tras prestar declaración nas dependencias da Garda Civil, pero teñen a obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan citados.