Cambados cede terreos sen custe ás persoas que desexen cultivalos
Por Redacción
O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, presentou un proxecto de fomento do traballo agrícola, acompañado polo presidente da cooperativa Horsal, Alberto Amil, e polo xerente de Hortumia, Manuel Alba, que consiste na cesión de terreos para a súa explotación por familias cambadesas dispostas a asumir un reto no eido da horta.
Dende o Concello leváronse a cabo diversas xestións, mediante a intermediación con propietarios, ata lograr a cesión de parcelas, as cales suman unha extensión de entre 13 e 15.000 metros cadrados, para cederllas gratuitamente a aquelas persoas interesadas en cultivalas e explotalas coa plantación de produtos agrícolas.
Xa hai varios mozos que manifestaron no Concello o seu interese por esta iniciativa
Inicialmente as parcelas, cedidas por un periodo de dous anos, ampliable a 8 ou 10, poderían subdividirse en leiras de 2.000 metros para seren traballadas polas persoas que se queiran acoller ó proxecto. De feito, xa hai varios mozos que manifestaron no Concello o seu interese por esta iniciativa. A cesión farase efectiva estudando caso por caso e priorizando aqueles que máis o necesiten.
Os responsables das cooperativas cambadesas expresaron a súa disposición a colaborar prestando asistencia técnica ós emprendedores e mercando a producción que logren xerar, mentres que o Concello estudia que tipo de axuda pode brindarlle a prol do saneamento e acondicionamento das leiras.
No primeiro ano de traballo os novos agricultores poderían poñer en marcha cultivos como a xudía ou o repolo, se ben os beneficios da actividade non serían inmediatos.
A demanda das áreas comerciais que abastecen segue superando á oferta
Os representantes das cooperativas volveron recoñecer que teñen necesidade de ampliar a producción, posto que a demanda das áreas comerciais que abastecen segue superando á oferta. O produto hortícola do Salnés está moi ben valorado pola súa calidade, pero non se logran as cantidades que serían desexables por mor do minifundismo.
O alcalde salientou a necesidade de seguir respaldando ós sectores primarios, como son o mar e o campo, que se erixen en motores da economía na la comarca e que sacan adiante a moitas familias en tempos de crise como os presentes.