As mulleres de Ponte Caldelas concéntranse en repulsa á sentenza de La Manada
Por Redacción
Un amplo grupo de mulleres e tamén de homes de Ponte Caldelas secundaban a concentración que se realizaba este domingo en Ponte Caldelas para manifestar a repulsa á sentenza no caso da Manada.
O acto, debido á choiva, tivo que se levar a cabo baixo os soportais da Alameda de Ponte Caldelas. A convocatoria estaba organizada por Mulleres en Igualdade, Mulleres Rurais do Verdugo, Mulleres Rurais de Xustáns, Mulleres Rurais "Aires do Norte e Olé" e Somos Ponte Caldelas.
Milagres Domínguez foi a encargada de ler o manifesto no que se expresaba a defensa da versión da vítima e trasladábase a solidariedade de todas as persoas que se concentraban na vila.
O acto serviu tamén para condenar publicamente aos integrantes de La Manada e manifestáronse as dúbidas en relación á sentenza que considera que se trata dun caso de abusos sexuais e non de violación.
O manifesto finalizaba co berro de " Nós crémoste", que foi coreado por todas as persoas que se atopaban presentes e que foi continuado por outros cánticos como "non é un abuso, é unha violación" e" non é non".