Atopa á venda no mercadiño varias antigüidades que lle acababan de roubar
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación e detención dun home de 51 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior dun establecemento da cidade.
Os feitos remóntanse ao pasado día 23 de abril, cando unha veciña de Pontevedra interpuxo unha denuncia na Comisaría na que daba conta do roubo no interior do seu local onde subtraeron diversos efectos antigos dos que descoñece o seu valor.
Foi a propia denunciante a que, cinco días despois, avisou á Policía de que acababa de ver nun posto dun mercadiño da cidade varios efectos da súa propiedade á venda.
Os axentes dirixíronse inmediatamente ao lugar onde procederon á intervención dos obxectos recoñecidos pola propietaria, identificando á persoa que os tiña á venda e quen posteriormente en dependencias policiais declarou que outra persoa regaloullos.
Os axentes seguiron coas pesquisas e localizaron ao individuo que subtraería os obxectos, que foi identificado e detido como presunto autor do roubo con forza.
Unha vez en dependencias policiais, tramitouse o correspondente ateigado policial.