Xornada de folga na educación media e superior "Por un ensino feminista e democrático"
Por Redacción
Este xoves tivo lugar unha xornada folga de educación media e superior, convocada por Asemblea Aberta de Mulleres, Erguer e Movemento Estudantil Galego. Ademais doutras reivindicacións, nesta ocasión os folguistas esixiron un ensino libre de machismo.
Así, a Asemblea Aberta de Mulleres reclamou a introdución dunha perspectiva de xénero en todas as materias e terminar co teito de cristal que impide a paridade nos órganos de goberno da educación.
Desde Erguer demandaron un incremento do número de horas lectivas en idioma galego e unha forma de aprendizaxe máis práctica.
Pola súa banda, o Movemento Estudantil Galego fixo fincapé na necesidade dun financiamento maior para a educación, na baixada das taxas e no establecemento dun sistema de bolsas ligadas á renda das persoas e non ao expediente académico.