Unha ferida na colisión frontal de dous coches que obrigou a cortar a estrada de Marín
Por Redacción
A condutora dun turismo resultou ferida e tivo que ser trasladada en ambulancia a un centro hospitalario tras verse implicada nun accidente na estrada de Marín.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinestro produciuse ás 10.50 horas á altura do número 147 da rúa Rosalía de Castro, na estrada vella entre Pontevedra e Marín a poucos metros do desvío cara ao centro deportivo de Pontemuiños.
Testemuñas presenciais indicaron que a ferida conducía un vehículo que circulaba en dirección en Pontevedra e, por motivos que se descoñecen, sufriu unha colisión frontal con outro turismo que circulaba en dirección a Marín. A consecuencia do impacto, o seu coche deuse a volta e quedou destruído ata o punto de que non era capaza de abrir a porta para saír deste.
Ao lugar desprazáronse unha ambulancia do 061 e persoal dos Bombeiros, a Policia Local e Protección Civil de Pontevedra. Nun primeiro momento, creron que debían excarcerar a condutora, pero finalmente foi suficiente con forzar a porta.
O outro vehículo sinistrado sufriu menos danos materiais, pero ambos os dous quedaron detidos na calzada, de forma que a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico tiveron que regular a circulación rodada pola estrada. Ademais, foi necesario cortar a vía entre a rotonda de Manuel del Palacio e as cocheiras de Mombus.
Segundo o 112, máis tarde se requiriu a presenza no lugar dunha segunda ambulancia, pero non transcendeu se foi necesario atender a un segundo ferido.