Dous millóns de euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria nas parroquias
Por Redacción
O Concello de Pontevedra prepara un ambicioso plan de investimentos que permitirá 'lavar a cara' de gran parte das vías das quince parroquias do rural. Así o avanzou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, trala Xunta de Goberno deste luns. Investiranse uns 2 millóns de euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria dos núcleos do rural, especialmente naquelas zonas "onde hai máis vida social".
Trátase dunha serie de actuacións que se acometerán ata o próximo 31 de decembro. Baixo este plan, sinalou Raimundo González, repararanse vías públicas "que están moi deterioradas" e repararanse outras na súa integridade. Ademais, mellorarase a sinalización e iluminación das estradas e colocaranse 'lombos', unha medida de acougado de tráfico "moi demandada tamén polos veciños das parroquias".
Tras destacar que os dous millóns de euros que se investirán "son unha cantidade moi importante", o concelleiro nacionalista puntualizou que serán a maiores das actuacións que xa están programadas no ámbito, por exemplo, dos parques infantís, do plan Monte Vivo ou da rede de sumidoiros e saneamento.
O goberno municipal espera ultimar este plan de actuación nos próximos días.