O Cabo estrea a súa nova imaxe tras unha rehabilitación integral
Por Alejandro Espiño
O barrio do Cabo, en Lourizán, xa loce o seu novo aspecto tras as obras de rehabilitación integral que o Concello impulsou na zona. Os traballos, executados pola empresa EC Casas, supuxeron un investimento de máis de 200.000 euros.
A intervención municipal consistiu na reparación de todos os espazos públicos do barrio, que se atopaban en moi malas condicións.
O proxecto permitiu que O Cabo pase a contar con plataforma única en todo o barrio, renováronse todos os servizos, creando canalizacións soterradas para unha próxima retirada dos postes da luz e da telefonía.
Ademais, reordenouse o estacionamento situado á beira do colexio, mellorouse o acceso á praia dos Praceres e renovouse a iluminación de todo o barrio.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este luns o remate dunhas obras que, segundo destacou, deron ao barrio un resultado "espléndido", deixando o espazo público "máis expedito e operativo".
Acompañado polo edil de Obras, Demetrio Gómez, Fernández Lores percorreu o barrio que, con esta reforma, pasará a ter unha "altísima calidade urbana".
Non foi, segundo lembrou, unha reforma fácil porque O Cabo conta con rúas "moi estreitas" nas que, ao longo dos anos, "se construíu de calquera maneira".